Thursday 02 de May de 2024

Edís de Riveira comproban o funcionamento da depuradora en Couso e preocúpanse polos problemas da súa posta en marcha


AS AUGAS RESIDUAIS QUE PASAN POLA EDAR ESTÁN SENDO CORRECTAMENTE DEPURADAS, SEGUNDO CONSTATAN AS ANÁLISES PERIÓDICAS QUE SE REALIZAN

Concelleiros de distintos grupos da Corporación Municipal de Riveira visitaron na tarde de onte a estación depuradora situada en Couso interesados en coñecer o funcionamento da instalación e preocupados polos problemas derivados da súa posta en marcha.

Para respostar ás diversas cuestións subscitadas foron recibidos por integrantes de Acuaes (Aguas de las Cuencas de España): a sociedade estatal que se encargou de licitar e financiar a actuación xunto a entidade autonómica Augas de Galicia.

Os edís puideron comprobar in situ como se desenvolven as diversas etapas do proceso de depuración: un proceso que, segundo explicaron tanto os representantes da sociedade estatal como da empresa construtora, estase a desenvolver correctamente segundo constatan as análises periódicas que se realizan na estación, de tal xeito de que todas as augas residuais que pasan pola instalación (actualmente, as de Aguiño, Carreira e Castiñeiras despois de que o resto do caudal fose desviado á altura de Pedra Pateira a finais de decembro) son tratadas ao cen por cen, pasando por todos os procesos depurativos previstos.

Así mesmo, os representantes da entidade aclararon que a entrada en servizo do aliviadoiros un certo número de días ao ano é algo que xa estaba previsto pero que os residuos orgánicos están tan diluídos tras pasar polos tanques de tormentas e cos filtros alí existentes que non teñen incidencia no medio ambiente.

Malos olores
En torno a problemática dos malos olores ocasionados nalgúns puntos tras a posta en marcha da EDAR e en sintonía co estudo encargado polo Concello, dende Acuaes se explicou que a entrada nas conducións de residuos industriais pode ser o motivo detonante, ademais de influír tamén posibles infiltracións de auga salgada na rede, algo moi común en depuradoras situadas en localidades costeiras.

Acuaes amosou a súa conformidade con todas as medidas que se están tomando para solucionar o problema (en especial, impedir que residuos industriais entren na rede e aminorar o máximo posible a presenza de auga salgada) e manifestou que, en función do resultado de tales medidas, se seguirán adoptando outras que garantan erradicar calquera molestia, entre as que xa está confirmada a mellora dos sistemas de desodorización en tanques de tormentas e bombeos.

Na visita, de dúas horas de duración, participaron os concelleiros Herminia Pouso (PP), Juan Manuel Reiriz (IPR), Xosé Antonio Cobas e Luis Pérez (BNG) e Xosé Manuel Vilas (PSdG-PSOE), ademais do alcalde Manuel Ruiz.